sábado, 23 de fevereiro de 2013

Desperta

Hai un pranto arriba. Ás tantas da mañá escoito os pasos cansos, resignados, apresurados por  tocarlle os rizos e dicir- "shhhhh, durme" – con esa voz especialmente calma que teñen as nais após os malos soños das nosas infancias. Volta a alisar a sábana, un bico de beizos quentes na frente quente, case non se nota. O olor de nai que apacigua uns segundos. Alivio profundo, alivio extraordinario, alivio que enche todo o longo e ancho da habitación...alivio curto, pois xa se víra cara o umbral. Alónxase o corpo brando que acolle case sen darse conta, con certa condescendencia, o amor infinito dos fillos. Dóelles ese amor infantil vulnerable -unha ofrenda íntegra- a un ser que se goberna libre, emancipado por ser adulto. Corpo que agora xa vai cara o outro mundo incomprensible -de conversas en voz moi baixa, de murmuios ás veces tenros, outras feroces...- deixando con sorte unha luz acesa (pero non sempre).
A nena permanece moi, moi quieta, de novo en agonía, - ten algo de vergonza-  un pouco resentida polo abandono patente. E entón, de novo,- cándo?- o soño.
 ... silencio...

1 comentário: